Monday 06 de May de 2024

O Concello da Pobra fixo entrega do tradicional aguinaldo do Nadal ao voluntariado


Tempo de Nadal, tempo de compartir… E, no que a compartir tempo se refire, o Concello da Pobra do Caramiñal enxalzou o altruísmo do voluntariado que opera nos distintos ámbitos: benestar animal, a través da Protectora Moura; medioambiental; social; e da seguridade, representada no corpo da Protección Civil.

Fíxoo no salón de plenos do consistorio coa entrega do tradicional aguinaldo do Nadal: un lote de produtos por persoa para desfrutar nestas datas.

No acto celebrado na tarde deste 13 de decembro participaron o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos; e a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo.

Durante a súa intervención previa á entrega do aguinaldo, o rexedor gabou a implicación das máis de corenta persoas que exerceron neste ano como voluntarias, axudando á Administración local a acadar determinados obxectivos e sempre no beneficio do conxunto da sociedade.